BlockChain On the Move (BCOM)


Procedemento e módulo de control hardware e software para supervisar un dispositivo cun módulo de xestión de cadea de bloques (blockchain) que permite identificar e facer o seguimento dunha persoa ou dun elemento físico.

Estado de protección da tecnoloxía

Foi presentada unha solicitude de patente.

Que buscamos?

O vehículo de comercialización máis adecuado para esta tecnoloxía é outorgar licenzas da patente a fabricantes ou usuarios que requiran a monitorización, a localización ou a rastrexabilidade dunha determinada infraestrutura.

Descrición

BCOM é un dispositivo de baixo consumo baseado nunha cadea de bloques que serve para identificar e seguir elementos físicos ou persoas en múltiples escenarios. O seu factor de forma pode ser o dunha tarxeta como as bancarias ou as de transporte actuais, un accesorio poñible ou levable (wearable) para facilitar a súa usabilidade no caso de determinados colectivos (como menores, persoas maiores ou con diversidade funcional), unha caixa robusta (ruggered) para funcionar en escenarios suxeitos a condicións ambientais agresivas (por exemplo, contornas industriais) ou o propio teléfono móbil.

BCOM soporta o uso de diferentes tipos de blockchain (pública, privada ou federada) para consultar e transferir a información recollida de forma inmutable, descentralizada, aberta, segura e fiable entre os diversos e heteroxéneos axentes implicados: xestores de infraestruturas críticas (por exemplo, hospitais ou transporte público), pacientes, pasaxeiros, aseguradores, parentes dun dependente, empresas de mercadotecnia xeolocalizada, xestores de superficies comerciais etc. Do mesmo xeito, posibilita o uso de contratos intelixentes (smart contracts) para automatizar accións de se produciren uns eventos determinados.

Un exemplo que ilustra o uso de BCOM é o caso da identificación e o seguimento dun usuario dependente nun hospital. Nese caso é interesante saber cando esa persoa entra e sae do centro médico.

Supoñendo que se realizase previamente un proceso de asociación da información persoal da persoa usuaria (por exemplo, de identificación) no dispositivo BCOM, esta procedería como se fai hoxe, achegaría o dispositivo BCOM a un lector de identificación. O devandito dispositivo, que até entón estaría nun modo de consumo ultrabaixo, emitiría un identificador que sería recoñecido polo lector e activaría un módulo que comezaría a comunicarse periodicamente co dispositivo colocado no hospital para indicar a presenza do usuario.

Deste xeito, mentres a persoa usuaria estivese dentro do hospital, o dispositivo BCOM seguiría informando da súa presenza. No momento en que se situase a certa distancia, a comunicación cesaría, e recoñeceríase daquela a súa saída.

A información recollida pode transmitirse en tempo real ou case a un sistema de control remoto para filtrala, procesala e poñela á disposición dos usuarios externos potenciais (coidadores); ou ben para aplicacións externas do paciente (por exemplo, aplicacións que controlen a xestión de citas médicas dun hospital ou que posibiliten guiar os pacientes a través dunha ruta accesible até o lugar da súa cita.

Valores engadidos

As principais vantaxes de BCOM son as seguintes:

  1. Uso de tecnoloxías de baixo consumo. A maioría do hardware empregado pode estar en estado de consumo ultrabaixo até que sexa necesario activar o módulo de identificación para adquirir ou enviar datos.
  2. Factor de forma adaptable ao escenario. Tradicionalmente, o factor de forma utilizado por este tipo de sistemas é o dunha tarxeta como as bancarias, mais existe a posibilidade de contelos en obxectos que fagan máis atractivo o seu uso. Por exemplo, é posible variar o encapsulado en función dun grupo de idade ou personalizalo sen que deixe de ser poñible ou levable (pode disporse, por exemplo, en pulseiras para nenos, reloxos ou mesmo dentro da roupa).
  3. Apoio á toma de decisións en tempo real. A información obtida transmítese a un sistema de xestión en tempo real ou case real, para que se filtre, procese e comunique de forma segura e inmutable aos posibles usuarios externos interesados.
  4. Resistencia a ciberataques. As solucións actuais usan sistemas de almacenamento remoto (na nube, por exemplo) que proporcionan acceso remoto e redundancia, pero cuxa xestión polo xeral depende de empresas externas que non son necesariamente fiables e que poden estar expostas a vulnerabilidades ou ataques cibernéticos.

BCOM usa tecnoloxía de tipo DLT (distributed ledger technology), en concreto, blockchain, para almacenar os datos (ou a proba destes), que se poden transferir de forma descentralizada e con seguridade entre entidades entre as que non hai confianza. Por outro lado, o uso de contratos intelixentes, un código descentralizado autosuficiente, permitirá executar de forma autónoma distintos procesos de negocio.

Aplicacións por sector

BCOM pode aplicarse a un amplo abano de sectores que abranguen os da saúde, o transporte público, a industria, a cultura, a mercadotecnia ou o ocio. BCOM é de emprego transversal en sectores en que se necesite realizar as seguintes tarefas:

  1. Xestión optimizada de infraestruturas. BCOM permite controlar o grao de ocupación dos distintos servizos dunha determinada infraestrutura (por exemplo, a ocupación dun centro de saúde ou dunha determinada sala deste).
  2. Xestión optimizada da mobilidade. Con BCOM tamén é posible controlar as interaccións das persoas coa devandita infraestrutura (por exemplo, os seus padróns de uso): frecuencia, ruta e traza temporal.
    • BCOM posibilita determinar que persoa específica sobe ou baixa, entra ou sae, en calquera momento, nunha determinada infraestrutura, o que é especialmente útil no caso de menores ou persoas dependentes. Así mesmo, permite monitorizar a localización ou o instante de acceso e saída dun usuario dunha infraestrutura.
    • BCOM permite a identificación, o seguimento e a guía de persoas con diversidade funcional.
    • BCOM permite o control de zonas reservadas ou susceptibles de roubos.
    • BCOM permite o control do padrón de afluencia e movemento de multitudes. Esta funcionalidade está destinada a obter datos de grandes aglomeracións: eventos deportivos, concertos, festivais, peregrinacións, aeroportos etc.

En particular, pode ser útil en superficies comerciais ou museos, onde é interesante saber por onde circulan os clientes ou visitantes e dar soporte a sistemas que simplifiquen ou eliminen o proceso de caixa (checkout, isto é, cobramento), tipo scan&go ou máis sofisticado, como o de Amazon Go.


Cultura e educación
Enerxía e desenvolvemento sostible
Produción industrial
Saúde e benestar
Sector naval
Servizos públicos

Grupo de investigación

    • Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións (GTEC)

Responsable

  • Fernández Caramés, Tiago Manuel
  • Fraga Lamas, Paula

Contacta con nós

Última actualización

2020-01-20