Módulo compacto para a formación de estruturas porticadas


Módulo compacto para a creación de estruturas porticadas, que inclúe os perfís e compoñentes necesarios para construílas, os cales son acoplables entre si, formando un conxunto ou módulo compacto de reducido volume.

Estado de protección da tecnoloxía

Patente P21531590 a nome da Universidade da Coruña.

Que buscamos?

Subscribiuse un contrato coa empresa Supervisión y Control (SyC) para o emprego en exclusiva deste sistema mediante licenza de tecnoloxía, en que se limita o seu uso á construción de estruturas destinadas á inspección técnica de vehículos.

Descrición

Esta tecnoloxía ten por obxecto resolver os problemas que adoitan darse na construción de estruturas porticadas, mediante un módulo compacto, de reducido volume, de fácil transporte, almacenamento e manipulación, cunha serie de compoñentes que permiten, mediante operacións sinxelas, conformar o devandito tipo de estruturas.

O módulo inclúe un soporte de tipo telescópico que, con só facelo esvarar, chega a alcanzar unha altura de até o dobre da que ocupa en posición compacta ou recollida. Incorpora ademais un conxunto de pezas que, por simple xiro, constitúen ménsulas que poden adoptar distintas inclinacións, o que permite resolver a estrutura tanto de pisos como de cubertas, con ou sen pendente, que se completan con tramos intermedios de vigas que se unen ás ménsulas despregadas.

A gran vantaxe deste sistema é o seu carácter compacto, que xorde da relación dimensional entre as súas diferentes pezas. A adecuación formal que presentan estas pezas, combinada cos movementos de extensión e xiro dalgunha das súas partes, permite conseguir un paquete compacto moi doado de almacenar e transportar.

Valores engadidos

A alta compactidade e a gran versatilidade de configuracións que posibilitan as combinacións de extensión, xiro e desprazamento das súas partes resulta unha vantaxe fronte aos sistemas estruturais ao uso, xa que fai posible prefabricar e almacenar estes sistemas para despois utilizalos en diversas configuracións.

A utilización de perfís conformados permite adaptar o sistema a calquera necesidade e/ou material, o que evita o emprego de perfilaría estandarizada e posibilita tanto unha maior efectividade no consumo de material como unha optimización do conxunto. Atínxese así un beneficio en termos económicos directos, pero tamén indirectos: un volume e un peso menores tradúcense en menores custos de almacenaxe e de transporte.

Estas vantaxes dotan o sistema doutra: a redución de tempos na construción. O sistema pode transportarse de inmediato ao lugar de implantación e todos os elementos están desenvolvidos para un proceso de colocación e montaxe fácil e intuitivo, que non precisa de especiais medios auxiliares para a súa execución.

Aplicacións por sector

A tecnoloxía permite construír calquera sistema estrutural porticado, con independencia das condicións dimensionais do sistema. Por tanto, a súa aplicación non se limita a un sector, senón que pode transferirse a calquera uso que requira a construción dun espazo en que desenvolver a súa actividade, sempre e cando as condicións deste espazo se adecúen ás dun sistema estrutural porticado.

O prototipo podería ser unha nave dunha ou máis plantas, con cuberta plana ou a unha auga, en que o sistema estrutural se desenvolva mediante pórticos secuenciais que non han de manter constante o seu intereixe ou separación, en que é posible variar a luz ou altura relativa entre elementos. Moitos sectores reclaman este tipo de espazos, que resultan adecuados para usos industriais e na agricultura, gandaría…


Construción e enxeñaría civil

Grupo de investigación

    • Grupo de Estructuras Arquitectónicas
    • (GEA)

Responsable

  • Suárez Riestra, Félix
  • Estévez Cimadevila, Javier

Contacta con nós

Última actualización

2020-03-03