OCTA-MER: ferramenta para a detección automática e a visualización da membrana epirretiniana en imaxes de tomografía de coherencia óptica (OCT).


Software de apoio ao diagnóstico en oftalmoloxía baseado no tratamento de imaxes de tomografía de coherencia óptica (OCT).

 

Estado de protección da tecnoloxía

Rexistro de software

Descrición

OCTA-MER permite detectar de forma automática a membrana epirretiniana a partir dunha imaxe de OCT. Unha correcta detección da membrana epirretiniana facilita posicionala no caso de que a súa extracción cirúrxica sexa necesaria, e contribúe ao éxito da operación.

A estrutura deste software permite a súa integración de forma sinxela en módulos máis amplos de análise de imaxe a modo de paquete de servizos. Isto engade versatilidade e flexibilidade ao produto, que pode adaptarse así de maneira máis eficaz ás necesidades dos potenciais clientes.

O software foi desenvolvido con Matlab e Java como linguaxes de programación. Como contornos empregáronse Matlab, Weka e IntelliJ IDEA para Windows.

Valores engadidos

A principal necesidade que cobre esta aplicación é a de ofrecer unha ferramenta automática ao especialista, que lle permita obter resultados de maneira moito máis eficiente e repetible. Ambas as propiedades son vitais no ámbito da medicina: a eficiencia permite analizar e procesar unha maior cantidade de datos en menos tempo mentres que a reprodutibilidade garante a coherencia dos resultados obtidos con independencia da persoa que procesase os datos e as súas circunstancias (momento de ánimo, fatiga etc.).

Aplicacións por sector

O mercado a que se dirixe o produto é o das empresas, as institucións e os profesionais que traballan no ámbito da saúde, en concreto médicos oftalmolóxicos e cardiovasculares, a cuxas tarefas afectan máis directamente os parámetros biomédicos analizados por este software. Así mesmo, unha potencial fonte de cooperación atópase no sector do desenvolvemento de equipamento de imaxe médica (retinografía e OCT principalmente) e/ou software médico:

  1. A oferta de equipamento medico oftalmolóxico está concentrada en grandes empresas multinacionais ou que comercializan a nivel mundial, con sede principal nos Estados Unidos, Alemaña e o Xapón. De calquera xeito, hai radicadas en España empresas de certa relevancia dedicadas á distribución de todo tipo de equipamento médico que poden actuar de nexo entre clientes e compañías de hardware ou software médico.
  2. As compañías de software de xestión hospitalaria abundan, non así as que ofrecen outro tipo de produto menos estandarizado. O software para a diagnose a través do procesado de imaxes constitúe un nicho de mercado emerxente que parece contar con poucas e pequenas compañías no ámbito mundial.

En resumo, os potenciais clientes deste tipo de aplicación son os seguintes:

  1. Hospitais e centros de saúde
  2. Clínicas oftalmolóxicas e laboratorios
  3. Fabricantes de equipos oftalmolóxicos de imaxe dixital
  4. Fabricantes de software médico;
  5. Empresas distribuidoras de equipamento médico
  6. Grupos de investigación en oftalmoloxía

Saúde e benestar

Grupo de investigación

    • Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Padróns

Responsable

  • Manuel Francisco González Penedo
  • Marcos Ortega Hortas
  • Noelia Barreira Rodríguez
  • Jorge Novo Buján
  • José Rouco Maseda
  • José Joaquín de Moura Ramos
  • Sergio Baamonde Álvarez

Contacta con nós

Última actualización

2020-04-07