Telexerontoloxía


Sistema en liña interactivo para a visualización de contidos a través dun dispositivo, con capacidade para o rexistro de actividades e parámetros biométricos, a estimulación cognitiva,  o control domótico e a telealarma de xestión remota.

Estado de protección da tecnoloxía

  1. Patente n.º P200502326/4, «Sistema en liña interactivo para a visualización de contidos a través dun dispositivo, con capacidade para o rexistro de actividades e parámetros biomédicos, estimulación cognitiva, control domótico e telealarma de xestión remota». Data de concesión: 22/03/2010. Data de publicación: 07/04/2010.
  2. Rexistro (C-399-06) da Aplicación Geroges de xestión de datos e usuarios.
  3. Rexistro (C-374-06) da Aplicación Telecognitio de teleestimulación cognitiva.
  4. Rexistro (C-400-06) da Aplicación de Xestión do Dispositivo de Telexerontoloxía, novo recurso de apoio domiciliario dirixido ás persoas maiores e/ou con perda de capacidade funcional e/ou cognitiva.

Que buscamos?

No futuro non se descarta a posibilidade de contactar con Tecnópole, o Parque Tecnolóxico de Galicia, malia as súas instalacións estaren situadas en Ourense, como unha posible forma de despegue da empresa.

Descrición

O sistema permite levar contidos estáticos e interactivos a distancia, entre os cales se inclúen a videoconferencia, a teleestimulación cognitiva, o rexistro de parámetros biomédicos e o control domótico, a través dun dispositivo visualizador, coa posibilidade de que se produzan un retorno e un rexistro da manipulación realizada.

A instalación remota consta dun dispositivo de conexión para a transmisión de información, pasarela residencial, dispositivo visualizador con altofalantes, cámara web, dispositivo navegador, dispositivo de alarma, dispositivos biomédicos e dispositivos domóticos. Á súa vez, a instalación central ten un dispositivo de conexión para a transmisión de información, conmutador, servidor de aplicacións e base de datos, PC posto de asistencia e PC central de alarmas.

Pódese interactuar co sistema de varias maneiras, entres as cales salientamos as seguintes:

  1. O usuario final, ao premer o botón Enter do dispositivo navegador, pon en marcha o sistema. Iníciase a visualización no dispositivo dun menú co cal pode interactuar, ademais de rexistrarse sinal de vídeo e audio que se transmite á instalación central.
  2. O usuario final, a través do dispositivo, pode interactuar cos periféricos domotizados interconectados.
  3. O usuario final, a través do dispositivo de telealarma, pode xerar un sinal que activa o rexistro de audio e vídeo, ademais de facer chegar un aviso ao PC de alarmas da instalación central, que porá en marcha o oportuno protocolo ante a situación detectada.
  4. O usuario final pode conectarse ao sistema de rexistro de parámetros biométricos, que á súa vez estará conectado ao dispositivo de interconexión con dispositivos biométricos, e enviar o sinal do parámetro rexistrado á instalación central, co fin de que as súas constantes sexan controladas de maneira remota.
  5. A instalación central levará un rexistro histórico de todas as interactuacións xeradas entre o usuario e o sistema, incluída unha historia clínica que poderá ser mostrada na instalación central cando o usuario remoto se conecte ao sistema a través do sinal de alarma.
  6. O persoal, desde a instalación central, pode coñecer o estado de todos os dispositivos da instalación remota, así como interactuar con eles. Isto facilita o seu mantemento, xa que o software pode actualizarse a distancia.

O persoal situado na instalación central, polas manipulacións do sistema realizadas polo usuario remoto, pode coñecer en todo momento as actividades que efectúa, así como prestarlle apoio especializado a través de videoconferencia

Valores engadidos

A aplicación da tecnoloxía como un novo recurso de apoio no coidado xerontolóxico mellorará dun modo importante o concepto de teleasistencia clásica, o que permitirá atrasar a institucionalización dos pacientes e terá no aforro económico un valor engadido.

En Galicia actualmente os servizos de apoio a distancia proporcionados polas diferentes empresas están centrados na teleasistencia clásica, como no caso de Cruz Vermella Galicia, o máis estendido. A teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrompida, en que o usuario só ten que premer un botón ante calquera situación de emerxencia para entrar en contacto verbal, na modalidade de mans libres, coa central de coordinación de Cruz Vermella.

No caso da nosa tecnoloxía, preténdese dar atención ao usuario antes de que xurda un problema, mediante a prevención e o seguimento do seu estado cognitivo e funcional, para garantir a súa autonomía e favorecer a súa independencia. Proporciónanse ademais os servizos de alarma da teleasistencia clásica, mais de maneira que todos os rexistros da interacción do usuario co sistema son recollidos nun centro de control para ser valorados por parte de profesionais.

Por tanto, o sistema baséase na prevención, a formación e o seguimento do usuario para mantelo o maior tempo posible no seu fogar e evitar a súa institucionalización.

Aplicacións por sector

Este é o perfil do usuario potencial:

  1. Persoas de 65 ou máis anos, con ou sen dependencia.
  2. Coidadores familiares de persoas maiores de 65 ou máis anos con ou sen dependencia.
  3. Coidadores profesionais de persoas maiores interesados en novas funcionalidades de atención xerontolóxica a domicilio.
  4. Aseguradoras que teñan na súa carteira de produtos a asistencia a persoas maiores.
  5. Administracións, concellos que dispoñan de servizos de atención a maiores: centros cívicos, axudas á dependencia, atención a domicilio etc.

A localización xeográfica da entidade é outro dos puntos fortes vinculados ao coñecemento do perfil dos clientes potenciais, o sector das persoas maiores, xa que:

  1. o elevado avellentamento poboacional de Galicia a converte nunha das 25 rexións máis vulnerables da UE (ocupa o posto 21.º das 257 áreas europeas analizadas por Bruxelas);
  2. Galicia rexistra índices elevados nalgúns dos factores de avellentamento da poboación.

A prevención e a detección precoz son os novos retos asistenciais. A Unión Europea e outros organismos internacionais como a OMS coinciden en indicar que as persoas que manteñen un estilo de vida saudable, que inclúe exercicio físico e actividade intelectual etc., teñen menos risco de ser persoas dependentes.


Saúde e benestar
Servizos públicos

Grupo de investigación

    • Grupo de Investigación Xerontoloxía e Xeriatría
    • (GIG)

Responsable

  • Jose Carlos Millán Calenti
  • Jose Carlos Millán Calenti
  • Jose Carlos Millán Calenti

Contacta con nós

Última actualización

2021-12-13